Cosme Pombo chama a “concentrar o voto nacionalista e de esquerdas no BNG”


O Bloque Nacionalista Galego abríu  a campaña en Lugo das eleccións galegas do día 21 cun chamamento a “concentrar no BNG todo o voto nacionalista e de esquerdas” para “botar” ao PP da Xunta. O cabeza de lista pola provincia de Lugo, Cosme Pombo, dixo que “Feijóo non exerce de presidente de Galiza, porque non é a voz do pobo galego, senón a voz de Rajoy”.
O candidato nacionalista dixo que “é posible botar ao peor presidente da historia de Galiza, que leva tres anos sen facer nada por este país” e afirmou que “para iso a chave pasa por concentrar todo o voto nacionalista e de esquerdas no BNG”. “Se isto ocorre -dixo- o PP ten as eleccións perdidas”.
Na praza da Soidade da capital lucense e acompañado por membros da candidatura, militantes e cargos orgánicos e institucionais do BNG, Cosme Pombo acusou a Feijóo de ser “un mandado de Rajoy”. “Feijóo agocha o programa de recortes masivos que ten preparados os seu xefe Rajoy para despois das eleccións, cando pida o rescate”, denunciou. “Non é de fiar un candidato que agocha mesmo as siglas do seu propio partido, como fai Feijóo, para ver se así despista á xente e non o relacionan cos recortes do PP”, criticou o candidato nacionalista.
O PP reprime a voz dos cidadáns
No acto Cosme Pombo tamén alertou da “actitude dictatorial e antidemocrática do PP, que tentou reprimir a voz dos cidadáns, denunciando a manifestación desta tarde para que non se producira, igual que reprimíu as manifestacións pacíficas de cidadáns diante do Congreso dos Deputados a semana pasada”. Finalmente a Xunta Electoral non deu a razón ao PP e a manifestación convocada pola CIG percorreu as rúas de Lugo en protesta polos recortes dos Goberno do PP en Madrid e na Xunta.