UN DÍA DA PATRIA MASIVO

Era o que o País necesitaba: un Día da Patria Galega masivo para patentizar que esta nación continúa viva e que non vai renunciar a defender os seus dereitos. Unhas 20.000 persoas -algún meio de comunicación sinalou esta como a manifestación máis numerosa dos últimos anos- rebordaron as rúas do casco vello e desbordaron os límites da Praza da Quintana. Unha resposta cívica, festiva e moi emotiva ante as agresións que o Goberno Feijóo en apenas 100 días de exercicio ten perpetrado contra a nación galega e os seus sinais de identidade, a comezar pola lingua.
O BNG ofreceu a imaxe dunha organización que, unha vez feitos os deberes internos, ten folgos de abondo para construír a alternativa ao Partido Popular e derrotar en catro anos o proxecto reaccionario e anti-galego de Núñez Feijóo.
Como adoita dicir o portavoz nacional, "hai pobo, hai vida, hai esperanza".


DOUS ALICERCES BÁSICOS
O discurso de Guillerme Vázquez na Quintana construíuse sobre dous alicerces básicos: primeiro, transmitir a idea de que o BNG está aquí e non vai claudicar, perante o conformismo dos partidos españois en Galiza, que xa andan a argallar unha reforma do Estatuto para consolidar a presenza do noso País na Segunda División do Estado; segundo, espallar coa mesma enerxía a determinación do BNG de combater e vencer o Partido Popular e o que este significa tanto no eixo da política nacional como no plano da política social.

Galiza vive unha dupla crise, económica e política, pero claro que hai solucións: pasan por camiñar cara a un Novo Estatuto de Nación e por desenvolver desde o poder político galego políticas socieconómicas que favorezan ás maiorías sociais.

Pasan, portanto, por que o nacionalismo, cohesionado e reilusionado, traballe duro estes catro anos para persuadir ao conxunto da sociedade de que as solucións aos nosos problemas non pode vir dun partido da dereita españolista, senón dunha forza política propia do País e claramente comprometida cun modelo social favorábel ás maiorías.