O Consello Comarcal do BNG de Lugo-Sul, non comprende nin acepta á decisión de anular o previsto servizo de Banda Larga para as comarcas de Lemos e Chantada. As recentes declaracións da Delegada Territorial da Xunta de Galicia sobre a ineficacia desta tecnoloxía, correxindo a explicación anterior que se basaba en supostos incumprimentos da empresa adxudicataria, non fan máis que confirmar que estamos a padecer medidas pouco meditadas de quen semella descoñecer do que está a falar e o que é pior, as consecuencias das decisións que toma.
O acceso a internet no 2009 non é un luxo. Esiximos que non se nos despoxe dun instrumento fundamental para o desenvolvemento rural, vital para as empresas, autónomos, estudantes, demandantes de emprego, para o Turismo, así como para un servizo de teleasistencia aos nosos maiores, nesta zona economicamente deprimida e cunha alta taxa de envellecemento poboacional.
Non nos vale o recurso a un futurible plan non concreto de Banda Larga para toda Galicia fronte ao que xa era unha realidade con dotación orzamentaria dispoñíbel e comprometida e, ademais, cunha experiencia práctica que avala o funcionamento deste sistema.
Por este motivo, o luns 27 de Xullo, ás 12:00 horas, no portelo único do Concello de Monforte de Lemos, procedeuse ao rexistro dunha carta (previamente enviada por fax) dirixida á Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias Rodríguez, que se fai pública unha vez enviada. Acceso á carta aquí.