Galiza estará mañá representada na comisión delegada da Dependencia, a onde a Vicepresidencia Xunta acode cunha postura clara coa que non só pedirán o 10% dos 1.200 millóns de euros que o Goberno central destinará en 2009 á aplicación desta lei, senón que tamén pretende demandar os 20 millóns de euros que, estiman, será a débeda a final de ano para a aplicación desta normativa en Galiza.
Esta débeda parte do feito de que desde o pasado mes de maio, o Estado non paga nada do nivel mínimo (o pago por persoa valorada) e do nivel acordado que se repartiu en xullo e que xa supuxo unha rebaixa respecto do comprometido inicialmente, critica o Goberno galego. De feito, inciden en que até agora o país recibiu un 75% dos 21 millóns de euros que lle correspondían. En definitiva, a xuízo da Xunta, Galiza debe dispoñer en 2009 dun total de 210 millóns de euros para este fin, dos cales máis de 100 os aportaría o Estado e máis de 80 o Goberno galego.
Outra das esixencias que propoñerá o Executivo autonómico consiste no cumprimento da lei "sen trampas, sen regateos". Isto é, que ademais de aportar o 50% do financiamento, debe ter en conta o envellecemento poboacional e a dispersión como criterios de reparto, algo que xa está contemplado na normativa, aínda que non se está aplicando.
Os compromisos do Estado
Na reunión de mañá demandarase que o Consello Territorial da Dependencia que se celebrará en setembro previa petición do vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, clarifique os compromisos do Estado e a actualización das estimacións efectuadas polo Ministerio no Libro Blanco da Dependencia.
Neste documento, sinalan desde a Xunta, estímase que en Galiza había 16.500 grandes dependentes, cando a realidade indica que xa son 23.282 os contabilizados polas valoracións realizadas.
Respecto ao copago e a acreditación de centros, asuntos que tamén entran na orde do día, a Vicepresidencia defenderá boa parte das alegacións que presentou CERMI-Galicia, plataforma que representa ás organizacións de discapacitados do país.