ANXO QUINTANA: “O BNG É A ÚNICA FORZA QUE PERMITE QUE GALIZA CONTE NOS ORZAMENTOS DO ESTADO”

O portavoz nacional do BNG e vicepresidente da Xunta de Galiza, Anxo Quintana, subliñou onte que “o BNG é a única forza política galega que permite que Galiza conte nos Orzamentos do Estado para 2009”.
O líder nacionalista foi entrevistado onte por varios xornalistas no programa da TVG “Hai Debate”, onde salientou que o “BNG é o único que ten capacidade de negociación co Goberno Central, porque do PSOE xa sabemos que vai dicir que si e o PP vai dicir que non porque así llo ordena Raxoi”.
Neste sentido, Quintana advertiu que para que o BNG dea o seu apoio aos orzamentos do Estado para 2009 “Zapatero ten que mover ficha, definir cal vai ser a súa política social e fiscal, ratificar os compromisos con Galiza, e que se realicen de verdadade, polo que ten que haber unha comisión de seguimento das infraestruturas do Estado no noso país”.
Reforma do voto emigrante
A preguntas dos xornalistas, o portavoz nacional do BNG tamén lle pediu ao presidente do Goberno que “modifique a lei para que os cidadáns galegos no exterior voten coas mesmas garantías que no Estado español, porque o sistema actual é claramente deficitario”. Neste sentido, subliñou que “o BNG foi a única forza política, a diferencia de PP e PSOE, que mantén un discurso coherente sobre a reforma do voto dos residentes ausentes”.
Financiamento autonómico
Anxo Quintana tamén se referiu á reforma do sistema de financiamento autonómico, “onde o verdadeiro problema é o modelo fiscal do Estado español: descentralizado , en parte, no gasto nas Comunidades Autónomas, pero moi centralizado na Administración Central nos ingresos”. Por iso, lembrou que “para o BNG é prioritario que o novo sistema teña en conta as especificidades de Galiza, nos dote de suficiencia financeira para cubrir o noso gasto e de autonomía fiscal”.
“Neste momento de crise económica, a xente vé a utilidade do autogoberno”
Preguntado polas medidas que o Goberno galego está a por en marcha para afrontar a crise económica, o líder do BNG subliñou que “a xente dase conta agora do positivo que é que Galiza teña máis autogoberno”. “Así, -engadiu- estamos a utilizar as competencias para as competencias para por en marcha o Plan Sectorial de Vivenda Protexida para construir 45.000 vivendas protexidas, ou no Plano Eólico, que estamos a utilizar para que os galegos e galegas se beneficien da producción de enerxía eólica”.
Por último, Anxo Quintana agradeceu o traballo dos autores da web Quin TV así como aos centos de internautas que a visitan diariamente, salientando “a importancia de que os políticos non só falemos, senón teñamos a oportunidade para escoitar á xente”.