O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, criticou esta mañá en rolda de prensa a ausencia do presidente da Xunta en plena vaga de incendios. “Mentres Galiza arde, o señor da mangueiriña foise coa mangueira a Buenos Aires”, dixo o líder nacionalista en alusión á famosa fotografía que retratou ao actual presidente da Xunta, daquela na oposición, ante un lume.
“É evidente que a Xunta non dispón de efectivos adecuados para combater esta vaga de lume”, afirmou, “frente a esta problema, o goberno galego, unha vez máis, non está”.
A Xunta aplica, tal e como lembrou Guillerme, “unha política de recortes como solución aos problemas e ao final son a desgraza para a xente”, polo que instou ao goberno a que “tome decisións, medidas para combater a traxedia que estamos vivindo”.
Fernando Blanco renuncia á súa acta de deputado e á candidatura ao Senado pondo "o listón ético altísimo"
O portavoz nacional do BNG pide a Fiscalía que investigue o delicto de violación do segredo de sumario, que deixa na indefensión a Fernando Blanco
O deputado do BNG Fernando Blanco Álvarez anunciou esta mañá en rolda de prensa que renuncia á súa acta de deputado e a súa presenza na candidatira ao Senado pondo, en palabras de Guillerme Vázquez, “o listón ético altísimo” nun xesto de “dignificación da política”.
“Nego calquera axuda de carácter irregular ou o cobro de determinadas comisións por interceder”, afirmou, “é absolutamente falso, unha calumnia e polo tanto cando se poida, cando se levante o segredo de sumario, iniciarei as accións xudiciais pertinentes”.
Fernando Blanco reiterou que todos os procesos administrativos dirixidos por el na súa etapa como Conselleiro foron “absoluta e escrupulosamente legais e que non houbo, por suposto, ningunha intermediación nin cobro de comisións”.
“Non podo nunha situación deste tipo levar no Parlamento os debates de temas tan importantes como NovaCaixaGalicia, o teito de gasto ou a loita contra a crise económica nun momento en que a miña imaxe pode distorsionar o que é realmente importante: os problemas dos galegos e galegas”.
“Se non teño a liberdade absoluta para defender eses temas como hai que facelo ante unha acusación infundada e na que non son nin acusado, nin imputado, nin chamado como testemuña, non podo facelo”, insistiu.
“Non quero en ningún caso ocasionarlle dano ao Bloque Nacionalista Galego”, dixo, “o traballo de tantos anos ten que continuar e ás veces hai que tomar decisións deste tipo”.
Amosouse “seguro” de que non vai ter ningún problema pola súa inocencia, polo que amosou o seu desexo de que “sexa canto antes cando se aclare todo”.
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, iniciou a súa intervención pedindo á Fiscalía que investigue a violación do segredo de sumario, un delicto que deixa na indefensión a Fernando Blanco. “Esa vulneración é un delicto”, insistiu. Guillerme lembrou tamén que estas acusacións fainas unha persoa que si está sometida a xuizo “e fainas, ao parecer, para obter beneficios penitenciarios”.
O líder nacionalista, que lembrou que non hai nen sequera unha imputación, afirmou que “detrás das filtracións hai intencionalidade política, hai unha man que mece o berce e estamos seguros de que asistiremos a un culebrón”.
Guillerme lamentou que “hoxe é posíbel destruír a honorabilidade das persoas sen que medie ningunha resolución xudicial, sen que haxa culpabilidade”.
O número un do nacionalismo galego quixo lembrar que neste caso o PP “non depurou as responsabilidades políticamente relevantes” porque, tal e como lembrou, o caso iniciouse por subvencións dadas polo IGAPE do actual Goberno da Xunta, polo que instou a Núñez Feijóo a cesar ao conselleiro Javier Guerra. “Non se poden dar leccións aos demais cando non se asumen as propias”, concluiu, ao tempo que lembrou que Feijóo nin sequera cesou aos responsábeis do IGAPE detidos ao comezo desta operación.
Guillerme afirmou que Fernando Blanco “fai un sacrificio persoal e pon o listón ético moi alto, máis alá do que ninguén o puxo, nun xesto de dignificación da política”.
ORGANIZACIÓNS DO ÁMBITO SOCIAL, POLÍTICO E SINDICAL CONVOCAN UN GRANDE ACTO PÚBLICO O 17 DE SETEMBRO EN SANTIAGO CONTRA A REFORMA DA CONSTITUCIÓN
“Galiza, pola Soberanía, os Dereitos Sociais e os Servizos Públicos. Esta reforma da Constitución é unha fraude”
As entidades convocantes son a CIG, a Organización Galega de Montes en Man Común, o BNG, Adega, FRUGA, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, a AS-PG, Galiza Nova, os Comités e a Plataforma en Defensa dos Servizos Sociais Públicos.
O acto vaise realizar na Praza da Quintana apartir das 18 horas.
A convocatoria é unha convocatoria absolutamente aberta á participación de todas as cidadás e os cidadáns e a aqueles colectivos sociais que se queiran engadir e que se sintan identificados cos principios que moven ás organizacións convocantes.
O lema baixo o cal vaise realizar este acto é Galiza, pola Soberanía, os Dereitos Sociais e os Servizos Públicos. Esta reforma da Constitución é unha fraude.
As organizacións convocantes partillan a idea de que a reforma da Constitución pactada polo PP e polo PSOE atenta contra os principios básicos da Democracia -ao non ser consultado o pobo en referendo- e representa unha agresión sen precedentes ao autogoberno, para alén de significar a constitucionalización das políticas neoliberais e os recortes sociais.
Non a esta reforma da Constitución!
A reforma pola vía de urxencia da Constitución española para fixar un límite ao déficit público representa un atentado sen precedentes á Democracia no Estado español e proba que estamos a viver unha grave crise de lexitimidade do propio sistema de representación político.
Sen ningún debate público e sen ningunha participación popular, PP e PSOE -que aquí actúan como un goberno de coalición na sombra- pretenden constitucionalizar o limite ao déficit público, un dogma da política liberal, de xeito que esta se converte na única política posíbel e todas as demais -as políticas alternativas, as que defenden os intereses das maiorías sociais e das nacións como Galiza- ficarían fóra da legalidade constitucional.
A dereita económica e política é a responsábel da dupla crise que sofremos, a da Democracia e a da Economía. Pois ben, esa dereita económica e política é a única que sairía reforzada con esta reforma, que por suposto acabaría significando unha menor presenza do sector público na economía. Estaríamos ante o paradoxo de que unha crise producida polo dominio dos ultraliberais reforzaría aínda máis o propio ultra-liberalismo. Aquí habería gañadores e perdedores. Os gañadores, o capital financeiro que está detrás das posición políticas liberais. Os perdedores, as maiorías sociais e os países como Galiza que precisan doutras políticas para saír da crise.
A reforma fai virtualmente imposíbel que as comunidades autónomas podan avanzar cara á autonomía fiscal.
Isto no caso de Galiza é especialmente grave ao sermos un País con enormes déficits nos equipamentos públicos. Os retallamentos nos servizos esenciais -educación e sanidade- estarán á orde do día e ademais con coartada constitucional.
Durante máis de 30 anos, as e os nacionalistas tivemos que aturar os máis duros cualificativos simplesmente por demandar unha reforma democrática da Constitución nun sentido positivo, o que decorrería do recoñecimento da existencia de distintas nacións, Galiza entre elas, no conxunto do Estado.
Os partidos estatais utilizaban a Constitución como un Tótem e á vez como unha arma arreboladiza contra aqueles que simplesmente defendiamos os nosos dereitos nacionais.
A Constitución semellaba intocábel. Mesmo se nos advertía da existencia dun artigo que prevía a intervención do Exército para manter a integridade territorial do Estado.
Pois ben, todas esas resistencias viraron en pó no momento en que os amos de Europa decidiron impulsar esta reforma neoliberal que agora se nos apresenta como inaprazábel, demostración de que a Constitución de 1978 só era intocábel para os pobos e non para os poderosos.
PP e PSOE pactan esta reforma porque partillan en esencia o proxecto liberal. Están de acordo en que a política económica fique fóra do debate político e que, portanto, se estabeleza como dogma o paradigma do limite ao déficit. Están de acordo tamén en asumir que os desexos do eixo franco-alemán -a reforma constitucional vén ditada directamente por Sarkozy e Merkel- son ordes para o resto dos Estados da UE. Nunca como agora ficou máis claro que a UE é unha estrutura política vertical e xerárquica, ao servizo dos intereses do capital financiero transnacional.
En conclusión, desde o Bloque Nacionalista Galego queremos manifestar o seguinte:
1. Amosar o máis firme rexeitamento á proposta de reforma exprés da Constitución española, tanto por cuestión de fondo como de forma. De fondo, porque estamos ante unha reforma sectaria e partidista, que pretende sacralizar como a única política económica aquela que interesa ao capital financiero transnacional. E de forma, porque estamos ante unha reforma exprés que, sen ningún debate público, se pretende consumar cuase como se fose un asunto de trámite.
2. Expresar a vontade do BNG de promover un amplo debate social sobre os demoledores efectos que tería sobre a economía e a sociedade de Galiza a constitucionalización da política económica liberal, claramente contraria aos intereses da inmensa maioría das galegas e dos galegos e ao dereito da nosa nación a dispor libremente do seu futuro.
3. Defender que os pobos do Estado español, a comezar polo galego, se podan pronunciar en referendo a respecto desta proposta de reforma.
Estamos por Galiza, a favor do pobo. Soberanía, Democracia e Traballo
O lema co que o BNG convoca este Día da Patria Galega -que terá como acto central a grande manifestación nacional programada para o 25 de Xullo ás 12 horas- é Estamos por Galiza, a favor do pobo. Soberanía, Democracia e Traballo. A manifestación partirá da Praza da Alameda -”farao con puntualidade”, salientou Montse Prado- e concluirá na Quintana, coa intervención do portavoz nacional, Guillerme Vázquez.
EXERCERMOS OS NOSOS DEREITOS COMO POBO
No Día da Patria Galega, o nacionalismo galego vai expresar con clareza “a nosa vontade” de “exercermos os nosos dereitos como pobo, como nación” dixo Montse Prado, nun contexto marcado “non só pola crise da economía, mas tamén por unha profunda crise social e por unha crise da mesma democracia”.
O BNG emerxe neste contexto con “alternativas propias” e perfeitamente factíbeis fronte a un bipartidismo estatal esgotado que carece de propostas reais para enfrentar a crise nun sentido positivo para as maiorías sociais e para Galiza como nación.
“A crise está a ser especialmente dramática para Galiza. Atravesamos unha situación que temos cualificado como de emerxencia nacional. Os sectores produtivos básicos están baixo mínimos. O declive demográfico é arrepiante. O paro continúa a medrar e aí temos agora a ameaza que pende sobre un sector estratéxico de noso como é o sector naval”, pormenorizou Montse Prado.
Ante un cadro de problemas tan preocupantes, os partidos estatais non presentan solucións porque eles mesmos son parte do problema. “Hai que apostar por alternativas distintas. Daí que as poñamos en primeiro plano no propio lema co que convocamos este Día da Patria Galega: Soberanía, Democracia e Traballo”.
Non á supresión dunha plaza de médico/a no Centro de Saude de Escairón
ACUDE Á COCENTRACIÓN CONVOCADA POLA ASOCIACIÓN VECIÑAL O MARTES DÍA 12, ÁS SETE DA TARDE DIANTE DO CONCELLO
Existe moita preocupación entre a cidadanía pola situación e perspectivas da sanidade pública, tanto do noso concello como da Área de Saúde á que pertencemos.
Nos últimos anos estamos observando e sufrindo un deterioro dos servizos públicos, un incremento das listas de espera, a derivación a centros privados concertados; o peche dos hospitais pola tarde, etc.
Todo isto acompañado e, en parte, motivado pola redución de gasto sanitario público e a redución de recursos correspondente.
Na actualidade, o goberno do Partido Popular ven de suprimir unha praza de facultativo no Centro de Saude de Escairón, amparándose na tan manida SANTA AUSTERIDADE, austeridade que despois non aplica á hora de liberar a catro concelleiros do Partido Popular no Concello do Saviñao.
Cremos que estamos ante un momento importante para o noso concello, no que os veciños e veciñas temos que traballar xa non só para reclamar a creación outravolta da praza de médico que suprimiron, senon para defender unha sanidade pública e de calidade.
Non se pode nin se deben admitir os intolerábeis niveis de falta de medios e de recursos sanitarios que se están a producir
O éxito do BNG será o fracaso do PP
O pasado venres, celebrouse o mitin central da campaña no Auditorío de Escairón.
Alí interviron a candidata nº2 polo BNG Antía Rodríguez, os deputados Maribel Sánchez e Fernando Blanco, e o candidato á alcaldía do Saviñao Paco Neves.
"A política de dereira é o paro, é apertarlle o cinto á maioría, é gobernar contra os dereitos da maioría social"Chamouse a concentrar o "voto galego e de esquerdas", "o voto das persoas que non se resignan" arredor do BNG para derrotar o proxecto do PP, que cualificou de "caverna predemocrática".
"Pido un voto masivo para o BNG para mellorar a calidade da Democracia no Saviñao", dixo.
Alí interviron a candidata nº2 polo BNG Antía Rodríguez, os deputados Maribel Sánchez e Fernando Blanco, e o candidato á alcaldía do Saviñao Paco Neves.
"A política de dereira é o paro, é apertarlle o cinto á maioría, é gobernar contra os dereitos da maioría social"Chamouse a concentrar o "voto galego e de esquerdas", "o voto das persoas que non se resignan" arredor do BNG para derrotar o proxecto do PP, que cualificou de "caverna predemocrática".
"Pido un voto masivo para o BNG para mellorar a calidade da Democracia no Saviñao", dixo.
Assinar:
Postagens (Atom)


