Máis de 25.000 persoas procedentes de todas as comarcas do país, e
mesmo de alén dos seus límites administrativos -como é o caso do Bierzo
ou do Val de Ellas, responderon á convocatoria de Queremos Galego para
mostrar en Compostela que “a lingua é o noso corazón, e con este corazón
podemos ir ao fin do mundo”, en palabras de Xosé Lois ‘O Carrabouxo’. Unha gran mobilización nun ambiente extraordinario a favor do idioma que nos une, da lingua propia deste País, mais tamén unha emenda en toda regra á política lingüística da Xunta de Núñez Feijóo.
Foi unha marcha multitudinaria – embora o Concello rebaixar a
asistencia a 10.000 persoas e nas primeiras conexións da TVG falaren
duns “centos”- na que confluíron xentes de diferentes idades,
procedencias, ideas e sensibilidades. Mais unidas pola defensa do
galego.
Comezou a manifestación pouco antes das 12:30 para percorrer, nunha
serpe multicolor de faixas, bandeiras e lemas, as rúas do Ensanche e
Zona Vella de Compostela ata rematar na Quintana. A emblemática Praza
foise enchendo de manifestantes ‘até a bandeira’ e desde a Alameda,
lugar de inicio da mobilización, aínda seguía a saír xente e máis xente.
“Por nós”
Unha faixa portada por varias crianzas e co lema ‘Por nós’
abría a manifestación, entre aplausos non só dos e das manifestantes,
senón mesmo desde veciñ@s que contemplaban desde as beirarrúas a marcha.
Máis un sinal de que o galego une. A mobilización avanzaba e aos lemas
tradicionais (´Na Galiza en galego’, ‘Sempre en Galiza, sempre en
galego’) uníanse novas palabras de orde (‘Do médico ao notario, galego a
diario’). Todo adubiado por palmas, sons de gaitas, pandeiretas ou
bombos. A defensa do galego, unha festa reivindicativa.
Mobilización apoiada por un amplo listado de forzas políticas,
sindicais, sociais... Entre os manifestantes atopábanse
dirixentes políticos de BNG, AGE, Compromiso por Galicia, Podemos,
PSdeG, Nós-UP ou Causa Galiza. Mais o protagonismo recaeu nos milleiros e milleiros de galegos e galegas que desde todos os recunchos do País acudiron a Compostela
para defender o dereito a poder vivir en galego con normalidade. Entre
eles, tamén castelán falantes que participaban na manifestación para
exixir respecto para o idioma propio deste país.
O galego, “arma de construción masiva”
A Quintana estaba ateigada e parte da manifestación aínda seguía a percorrer as rúas de Compostela en dirección a esta Praza. Isabel Risco e Xosé Lois ‘O Carrabouxo’,
mantedores do acto, non paraban de animar os e as manifestantes desde o
palco. E abofé que o lograron: humor, retranca, sorna... todos os paus
do humor para defender o noso idioma e ridiculizar a Núñez Feijóo e a
quen lexisla contra o galego, esa “arma de construción masiva” en
palabras de Isa Risco. ‘O Carrabouxo’ mesmo re-escribiu o ‘Hey Jude’ dos
Beatles como ‘Fei-ju’ con retrouse de “deixa o galego / fala en
inglés”.
A xente seguía a entrar como un gran regueiro nunha Quintana
completiña de manifestantes que, malia todo, se apertaban cada vez máis
para podelos acoller e que ninguén ficase fóra, os lemas en defensa do
idioma ecoaban na gran praza de pedra, o ánimo seguía alto como os
cumios de Pena Trevinca... “Aquí está o corazón de Galiza, e co corazón podemos ir ao final do mundo”, afirmou entre ovacións ‘O Carrabouxo’.
Música, risa, orgullo. Un país con futuro
Seguían entrando manifestantes nunha Quintana que non sabía xa onde metelos, mais que seguía a acollelos. Actuaron Migallas
co seu ‘rap da lingua’ e puxeron a toda a praza a repetir o retrouso
hip-hopeiro. ‘O Carrabouxo’ animou a todos e todas a sacar a lingua para
amosar así a Feijóo o que opinaban os milleiros de presentes da súa
política lingüística. E subiron ao escenario Mofa e Befa
para facer un deses ´sketchs´- ‘lingua estofada’- para desencaixar
mandíbulas das gargallas ao tempo que se daba unha sonora labazada a
aqueles e aquelas que desprezan o galego.
E seguía a xente a querer entrar na Quintana, mais non cabía unha
agulla e moitos optaron por se desperdigar polas tabernas do casco
vello. Os colantes de ‘Queremos Galego’ e outros de defensa do idioma
facíanse ben visíbeis en toda a zona vella da capital galega, e non só
aí.
Uxía, Mariña, Cidre...
Os nenos e nenas que
encabezaran a manifestación coa faixa de "Por nós" foron os encargados
de ler o manifesto da mobilización perante milleiros de persoas. Non
semella que iso se lles impuxese pois falaron do seu idioma, de que
quereren vivir nel con total normalidade, de ter dereito a aprender no
idioma no que falan, de querer ver na televisión pública galega debuxos
actuais no seu idioma, de querer ter xogos e lecer na súa lingua...
Exemplificaron ben a ‘anormalidade’ do galego na súa propia terra. E tamén os azos que hai de querer virar a situación.
Aplausos masivos e prolongados apoiaron as palabras destas crianzas e
moz@s, “un exemplo de que o galego ten futuro”, malia todos os
obstáculos.
Foi entón a quenda de Caxade, que acompañado do seu
grupo e dunha ducia de bombos fermosamente atronadores, reivindicou un
‘galego mundial’ e interpretou ‘Foliom da Rebeliom’.
“Temos forza para reverter a situación”
Tomou entón a palabra o portavoz de Queremos Galego, Marcos Maceira, para sinalar que o acto deste 8F amosaba que “temos forza para reverter a situación” á que a Xunta quer condenar o galego. O ramo deste #8F púxoo a interpretación do Himno Galego
por miles de gorxas ao son das gaitas. A Banda Sonora inmellorábel para
unha xornada de reivindicación e de amor pola lingua que nos une.