Monitores especializados darán clases de ximnasia dúas veces por semana de xeito totalmente gratuíto dirixidas a persoas maiores e persoas discapacitadas
As clases comezan o 15 de setembro e desenvolveranse até xuño de 2015
O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, presentou a asocacións e colectivos da zona sur da provincia de Lugo o programa Mo-vémonos, unha iniciativa que promove a área de Benestar Social e Deporte da institución provincial co obxectivo de achegar a práctica de exercicio físico a toda a poboación, ao tempo que se fomenta a interrelación persoal e social da cidadanía.
Baixo o lema Ximnasia no rural, deporte para todos e todas, a Vicepresidencia da Deputación pón en marcha este programa, que en anteriores edicións se desenvolveu baixo o nome deTodos a xogar ou Tempos, e que levará ximnasia dúas veces por semana a un cento de asociacións e colectivos sociais de toda a provincia de Lugo, favorecendo a actividade física e a interrelación social de máis de 2.000 persoas. O programa dará comezo o vindeiro 15 de setembro e rematará no mes de xuño e vai dirixido a persoas maiores de concellos do rural de menos de 5.000 habitantes e a colectivos de persoas con capacidades diferentes de toda a provincia.
Unha actividade totalmente gratuíta dúas veces por semana
O programa Mo-vémonos dispón de dúas liñas diferenciadas de actuación. A primeira vai dirixida a asociacións de capacidades diferentes e a colectivos que traballen con persoas en risco de exclusión social. Poderán participar entidades de tódolos concellos da provincia. O fin desta liña é a integración social das persoas a través de actividades en grupo que garantan a mellora das capacidades de relación.
A segunda liña vai dirixida a asociacións do medio rural, e nela poden participar entidades sen ánimo de lucro de concellos de menos de 5.000 habitantes. A actividade consiste en levar de xeito totalmente gratuíto un monitor o local social da asociación. Búscase chegar a localidades que pola pouca poboación, ou avellentamento ou a súa dispersión non dispoñen de medios para realizar actividades sociais.
A actividade é 100% gratuíta e está sufragada na súa totalidade pola Vicepresidencia Primeira, en ámbalas dúas liñas, para as cales se envía un monitor dous días a semana ao domicilio social da entidade ou lugar de celebración que ela elixa, recortando os custos de desprazamento dos usuarios; e coa que se pretende ofrecer unha actividade física non competitiva coa que se busca a integración social e conseguir unha mellora da saúde. O orzamento que destina a institución provincial para pór en marcha o programa ascende a 185.760 euros.
As asociacións interesadas poden apuntarse ata o 15 de setembro
Na pasada edición, este programa deu cobertura a arredor de 2.000 usuarios, pertencentes a unhas 90 asociacións repartidas por toda a provincia; e dende a área de Benestar Social e Deporte contan chegar a ese número esta edición, xa que máis de 70 colectivos xa amosaron o seu interese pola iniciativa. O prazo para que aquelas asociacións que estean interesadas en recibir este servizo se apunten aínda está aberto. As inscricións poden formalizarse no enderezo deporte@deputacionlugo.org ou no teléfono 982260149. O programa comezará a impartirse o luns 15 de setembro e prolongarase ata xuño de 2015.
Todos os cursos estarán impartidos por persoas expertas na materia, profesionais entre os que haberá como mínimo un traballador social, un psicólogo e un educador social. Os monitores que impartan a propia actividade física contarán como mínimo bacharelato ou o grao superior en animación de actividades físicas e deportivas.