O Consello Nacional do BNG acordou publicar na web do BNG o resultado económico (ingresos e gastos) das pasadas eleccións ao Parlamento europeo.
A posta en marcha dunha campaña electoral na que o BNG renunciou a numerosos soportes publicitarios e de márketing, só foi posíbel grazas ao extraordinario traballo, ao meritorio esforzo e compromiso político da nosa militancia.
Podemos afirmar con orgullo que non coñecemos organización política que fixera unha campaña destas características, nin no seu formato, nin na fonte de ingresos -militantes e simpatizantes-, nin na renuncia a gastos nos que incorreron a maioría de formacións -créditos, correo masivo, profisionalización da comunicación en redes sociais, etc- que se presentaron.
Cremos, finalmente, que dadas as circunstancias, e mesmo os ataques e silenciamento que tivo que aturar o BNG, consideramos que esta foi unha campaña moi digna, e posíbel -reiterámolo- grazas ao esforzo colectivo desta organización chamada Bloque Nacionalista Galego.
INGRESOS |
Importe
|
Cota extraordinaria entre a militancia |
132.000,00
|
TOTAL* |
132.000,00
|
GASTOS (21% IVE incluído) |
Importe
|
Lonas de fondo para actos centrais (17 actos públicos) |
605,00
|
Imáns para vehículos de megafonía con logotipo BNG |
1.447,16
|
Bandeirolas |
13.673,00
|
PVC’s para os paus da luz |
23.304,60
|
Bridas para material |
2.299,00
|
Banners en xornais electrónicos e inserimento no “Sermos Galiza” (papel) |
3.547,72
|
Cuñas radiofónicas |
17.854,40
|
Elaboración de vídeo electoral para espazos gratuítos |
4.908,67
|
Produción (montaxe, son, iluminación, etc.) dos 17 actos centrais |
34.184,94
|
Edición e impresión de sobres, papeletas e dípticos |
33.880,00
|
Cartaces (3 modelos en diversos tamaños) |
18.150,00
|
Pés co lema para actos |
1.038,18
|
Faixas |
3.000,00
|
Web electoral |
34,95
|
Alugueiro vehículo |
522,72
|
Varios |
3.630,00
|
TOTAL* |
162.080,34
|
* A diferenza entre ingresos e gastos (-30.080,34 € ) será recuperada tendo en conta o subsidio electoral pola obtención de representación no Parlamento europeo.
* A relación de gastos e ingresos é nacional. Ten a ver, daquela, co material e servizos contratados a nivel nacional. Non están contemplados outros gastos, en calquera caso menores, realizados por algunhas comarcas e localidades.
Entre as actuacións que provocaron un aforro significativo nesta campaña, destacamos as seguintes:
- Non se asinou ningún crédito con ningunha entidade bancaria ou financeira.
- Non se enviou correo masivo (“mailing”). Esta decisión supuxo un aforro superior ao conxunto total de gastos orixinados nesta campaña. Foi a organización e a implicación de militantes e simpatizantes, co ensobrado e reparto man a man de 1.000.000 de sobres e papeletas e de 650.000 dípticos, quen fixo posíbel a articulación dunha alternativa que se demostrou máis eficaz no contacto social.
- Non se contrataron inserimentos publicitarios na imprensa escrita, agás no semanario “Sermos Galiza”.
- Non se contrataron condutores para desprazar persoas que interviñan en actos por toda a nación. De feito, no caso da primeira candidata, que precisaba deste servizo, este traballo foi realizado desinteresadamente, só por compromiso político, por un compañeiro do BNG.
- Non se lle pagaron dietas ou desprazamentos ás persoas que interviron nos actos públicos, nin na Galiza, nin aos que se acudiu en Euskal Herria e Catalunya. Tampouco nas viaxes previas realizadas a eses dous países para negociar a coalición electoral con EH Bildu.
- Suprimíronse os envíos por transporte e/ou mensaxería. Compañeiras e compañeiros de cada unha das comarcas desprazáronse a Compostela e á Coruña para recoller o material de campaña, trasladalo ás súas comarcas e logo distribuílo en cada localidade.
- Non se contratou ningunha empresa para a colocación de material de propaganda en farolas (PVC’s), pontes ou rúas (faixas). Foron directamente militantes do BNG.
- Non se procedeu ao alugueiro de vehículos destinados a megafonía. Foron substituídos por vehículos particulares de militantes aos que se lles adheriron imáns co logotipo do BNG.
- Aproveitouse material de propaganda xenérica procedente doutras campañas (PVC’s, faixas, autocolantes de interventor@s e apoderad@s, etc.) das diferentes comarcas, reutilizándoo.
- Non se contratou ningunha empresa para apoiar o traballo en redes sociais. O que se fixo neste ámbito cabe vinculalo en exclusiva á capacidade de iniciativa e imaxinación das nosas compañeiras e compañeiros.