A CIG, dentro da campaña polo emprego que está a desenvolver, ten programadas marchas a pé por todas as comarcas durante a semana do 14 ao 19 de outubro, para dar a coñecer a iniciativa da central sindical e pór no centro do debate social e institucional o grave problema do desemprego e as medidas que se deberían adoptar para afrontalo.
Ademais, nesta semana previa estanse a realizar repartos na rúa, nos centros de traballo e nas oficinas do Inem, así como outro tipo de accións polos barrios, para informar das propostas e mobilizacións da CIG. A primeira fase da campaña concluirá o sábado 19 de outubro cunha manifestación nacional, que sairá ás 12:00 horas da Alameda compostelá.
Na nosa comarca a marcha será mañá mércores 16 de outubro ás 10:30 horas dende o Pazo de Sober (Sober) até o Hospital comarcal de Monforte.
A CIG presentou unha campaña que se desenvolverá nos vindeiros meses, coa que se pretende pór o problema do desemprego nun primeiro plano. A campaña contempla a celebración de asembleas en todas as comarcas, mobilizacións en todo o país e a presentación dunha ILP para promover o debate, no Parlamento, da proposta elaborada pola central sindical, na que se recollen “100 medidas para o crecemento económico e a creación de emprego en Galiza”.