A dirección do Bloque Nacionalista Galego, ante a posíbel e inminente agresión imperialista contra Siria, desexa transmitir a opinión pública as seguintes consideracións:
1. O BNG rexeita esta intervención militar e aposta pola vía pacífica e democrática para a resolución dos conflitos sempre no marco do respecto á soberanía dos pobos.
2. Máis unha vez asistimos á fabricación dunha mentira non probada para xustificar unha intervención militar, unha manipulación que nos lembra ao engano masivo á opinión pública internacional que se elaborou para o caso de Irak cunhas supostas armas de destrución masiva que nunca apareceron. Mentres tanto asistimos xa á perda de vidas humanas e a unha nova vaga de persoas refuxiadas, algo que non podemos máis que lamentar e sobre o que exiximos que se poña o foco desde o primeiro momento.
3. Para alén de ser reprobábel e inxustificábel, esta nova agresión imperialista é totalmente ilegal ao contravir o dereito internacional, non pasar polo Consello de Seguranza das Nacións Unidas nin ter o visto e prace de ningún organismo internacional. Supón, pois, unha actuación unilateral dos EEUU xunto con algúns socios da OTAN, que queren demostrar a súa supremacía e o seu poder para actuaren sen render contas a ninguén.
4. O BNG exixe que o Estado español non interveña, nin de maneira directa nin indirecta mediante subterfuxios, nesta operación militar que, de se producir, só demostra a incapacidade dalgúns gobernos e dirixentes políticos de aprender dos erros do pasado e pon de manifesto a falta de vontade para articular os mecanismos que fagan posíbel a resolución democrática dos conflitos e a convivencia desde o respecto á soberanía dos pobos.
5. Finalmente, o BNG fai un chamamento á cidadanía galega para, caso de se producir o ataque de xeito inminente, concentrarse nas vilas e cidades do noso país de maneira inmediata (arredor das 20:00 horas) para demostrar o seu rexeitamento desta agresión e berrar con forza NON Á GUERRA.