O pasado 12 de marzo de 2013 o conselleiro de Educación, anunciaba no Parlamento que unha boa parte das familias que ata o de agora non aboaban taxas polo uso do comedor escolar, deberán empezar a facelo.
Esta decisión carga sobre as precarias economías das familias a obriga de facer fronte ao pago dunha parte importante deste servizo. Un servizo necesario para garantir un dereito fundamental como é o Dereito á Educación que, con esta imposición do goberno do PP, vén a deteriorar o ensino público no que respecta ao servizo de comedores escolares.
Esta actuación do goberno do PP na Xunta de Galiza evidencia
a súa despreocupación polo ensino público, provocando o seu deterioro polos
sucesivos recortes dos últimos anos: recortes no número de profesores e
profesoras; recortes nos orzamentos dos centros; recortes nas axudas para libros, nas axudas
para bibliotecas, atrasos nas transferencias económicas para comedores
escolares, recorte no servizo de comedores, empeoramento das condicións
socio-laborais do profesorado, recortes nos servizos de normalización
lingüística e unha longa cadea de despropósitos que deterioran un servizo
público básico da sociedade.
Pola contra, todos estes recortes no ensino público
contrastan cos 240 millóns de subvención ao ensino concertado, cos 3 millóns de
euros de subvención para centros que segregan ao alumnado por razón de xénero e
que o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza declarou ilegal.