O medio rural galego ergue a voz en Bruxelas


Unha delegación de trinta persoas reúnese no Parlamento europeo con representantes da Comisión para lles trasladar as súas propostas e intereses fronte á reforma da Política Agraria Común para 2014-2020. Gandeir@s, agricultor@s, representantes do sector vitivinícola e académic@s, participan durante dous días nun seminario organizado pola eurodeputada nacionalista, Ana Miranda
Propón a creación dun fondo lácteo ante unha eventual supresión do sistema de cotas
Defende a continuidade dos dereitos de plantación de viñedos por calidade e capacidade de xerar emprego

O sector agrario galego reclamou ante as institucións comunitarias, – Comisión e Parlamento Europeo-, un trato xusto na futura Política Agraria Común (PAC) que marcará as regras de xogo durante o período 2014-2020, nunha xornadas de debate organizadas polo BNG na Eurocámara, nun momento decisivo da negociación da reforma.
“O obxectivo desta xornada é darlle voz directa ao sector para que presente as súas demandas ante os principais interlocutores que interveñen na elaboración da reforma, é dicir Comisión e Parlamento europeo, aos que trasladaron cal é a posición galega e cales son os aspectos que máis preocupan ao sector”, explicou a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda.
Entre estas prioridades: creación dun “fondo lácteo” ante unha eventual supresión do actual sistema de cotas, continuar cos dereitos históricos de plantación de viñedos e un reparto máis equitativo das axudas que non poden estar ligadas ao número de hectáreas da explotación.
“O obxectivo desta xornada é darlle voz directa ao sector para que presente as súas demandas ante os principais interlocutores que interveñen na elaboración da reforma”
Galiza, segundo Edelmiro López Iglesias, profesor da USC experto na PAC, reclama “estabilidade de prezos para o sector produtor, que non pode estar como nunha montaña rusa, teñen que ter garantía de rendas xustas”. Neste sentido, engade, reclamamos a continuidade do sistema de cotas, “non porque nos pareza perfecto” senón porque o sector ten feito un “importante esforzo inversor” que levou a moitas explotacións a endebedarse.
Razón pola que o BNG apoia a creación dun fondo lácteo que compense aos produtores galegos en caso de desaparición do sistema en 2015, “que permita ao sector leiteiro galego saír desde o mesmo punto de partida na carreira se hai unha liberalización da produción”, argumenta.
Sector vitivinícola
En nome do sector vitivinícola, Guillerme Rodríguez, presidente da adega Condes de Albarei, expuxo ante a Comisión Europea dúas demandas: continuar cos dereitos de plantación e axudas á comercialización exterior. “Eliminar eses dereitos e permitir que as multinacionais entren a producir sen ningún control implicará pechar o medio de vida de moitas familias”, advertiu.
Entre os integrantes da delegación, responsables de grupos de desenvolvemento rural, expertos académicos en temas agrarios, representantes do sector vitivinícola, de sindicatos agrarios, responsables da organización galega de montes en mancomún, responsables do centro de investigacións agrarias de Mabegondo, asociacións agrarias e cooperativas, comunidade de regantes, gandeiros e produtores.
Igualmente, o grupo ven acompañado pola deputada nacionalista portavoz de agricultura no Parlamento galego, Tereixa Paz, e pola deputada no Congreso Olaia Fernández Davila.
Nestas xornadas ante as institucións comunitarias, a delegación galega mantivo encontros cos responsables da Comisión de Agricultura da UE para os sectores leiteiro, vitivinícola, desenvolvemento rural e axudas da PAC. Conclúen hoxe cunha reunión co director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva, e co eurodeputado e ex ministro de agricultura de Portugal Luís Manuel Capoulas, autor dos informes do Parlamento Europeo sobre as axudas directas e o FEADER, documentos clave dentro da reforma da PAC.