“A provincia de Lugo ten potencial suficiente para converterse en referente turístico medioambiental e cultural de calidade. Na Ribeira Sacra conxúgase riqueza natural, historia e gastronomía e por iso é obxecto prioritario da política turística da Deputación de Lugo”. Así o manifestou o delegado de Cultura e Turismo da institución provincial e portavoz nacionalista na mesma, Mario Outeiro, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno celebrada esta mañá , na que deu conta da aprobación de dous convenios de colaboración por valor de 80.000 euros para a dinamización turística deste enclave.
Un dos convenios aprobados é o relativo ao financiamento do proxecto ‘Ruta da Ribeira Sacra do Miño’ da Asociación Veciñal de Saviñao, dotado con 30.000 euros e centrado no acondicionamento e sinalización dunha ruta de sendeirismo de máis de 30 quilómetros polas marxes do río Miño ao seu paso polos concellos de Pantón e O Saviñao.
O outro convenio está dotado con 50.000 euros e asinarase co concello de Monforte de Lemos para a promoción e dinamización do Centro do Viño. Grazas a esta colaboración a Deputación contribuirá a facer fronte aos gastos de xestión e mantemento do museo, do punto de información e da tenda do Centro. “Dende a Área de Cultura e Turismo estamos dispostos a apoiar calquera iniciativa que converta ao Centro do Viño de Monforte nun centro de ocio, cultura, empresarial, turístico, de formación e gastronómico, sede de todas as actividades relacionadas cos viños da Ribeira Sacra. Debemos de recoñecer e poñer en valor o papel que o viño ten na cultura e na economía galegas”.