O BNG vai lanzar unha «auténtica ofensiva social» contra o Recortazo. «Rajoy pide comprensión. Pois ben: ningunha comprensión. Oposición frontal. Rebelión. Insumisión», clamou Guillerme, quen anunciou que o BNG estará na rúa, acarón da maioría social que vai ser quen pague en solitario a factura da crise.
O Goberno Rajoy non ten lexitimidade democrática para aplicar un programa, o do Recortazo, que ninguén votou e que vén imposto por poderes non democráticos nin eleitos polo pobo.
Nestes termos pronunciáronse hoxe en conferencia de imprensa o portavoz nacional e o candidato do BNG á presidencia da Xunta -Guillerme Vázquez e Francisco Jorquera, respectivamente- quen compareceron ante os meios logo dunha xunta extraordinaria da Executiva Nacional convocada para analisar os efeitos do Recortazo.
«O BNG», anunciou Guillerme, «levará ao Congreso iniciativas para que o Goberno do Estado convoque un referéndum. E se non, que convoque eleccións anticipadas. Sería o lóxico e o democrático».
Jorquera descualificou o Recortazo non só por ser absolutamente contrario aos intereses da maioria da poboación, senón por ser inútil para superar a crise. Antes ao contrario, «con estas medidas pasaremos da economía da recesión á economía da depresión», criticou, «e nin sequera servirán para recortar o déficit porque coa depresión cairán os ingresos públicos».
Monarquía
O candidato do BNG á presidencia da Xunta criticou tamén o que cualificou de «utilización espúrea» da Monarquía por parte do Goberno do Estado (hoxe El-Rei preside o Consello de Ministros), utilización que é posíbel «grazás á cumplicidade de El-Rei», reprobou.
Denunciou tamén a atitude absolutamente repudiábel das e dos deputados do PP que no Congreso aplaudiron a adopción de medidas que prexudican gravemente á inmensa maioría da xente, «con expresións tan incualificábeis como a de que se jodan», dixo.
Aplausos a medidas antisociais, aplausos á guerra
Esas imaxes lembráronlle ao líder nacionalistas outras do mesmo teor protagonizadas pola bancada popular, cando, sendo Aznar presidente do Goberno, romperon a aplaudir o desencadeamento da ilegal guerra en Iraque, conflito saldado coa morte de miles de civís inocentes.
Fuxida de Feijóo, obediente a Génova
Jorquera tamén tivo palabras para avaliar o voto favorábel da Xunta de Galiza ao Recortazo que o Goberno Rajoy impón á Administración galega, no Consello de Política Fiscal e Financeira celebrado onte.
«Feijóo prima a súa obediencia aos ditados de Génova aos intereses de Galiza. Feijóo ten a mirada máis posta en Madrid que en Galiza e na situación actual aínda por riba foxe a América Latina», dixo Jorquera. «Feijóo demite das súas responsabilidades cando foxe a América no canto de explicar aos galegos por que lles recorta o benestar», denuncia.
A débeda das comunidades, só o 19 por cento da total
Jorquera estima que non hai ningunha razón para impor á administración galega un novo recorte. «O déficit das comunidades autónomas é inferior á percentaxe do gasto que teñen que administrar e a súa débeda é en termos relativos moi inferior á da Administración central, apenas é o 19 por cento da débeda pública total», ilustrou o candidato nacionalista.
Así as cousas, o Goberno do Estado utiliza a crise como coartada para impor as súas políticas centralistas -evidentes ao reforzar as deputacións-, políticas que ademais son antisociais porque, salientou Jorquera, «a Xunta administra precisamente os peares básicos do Estado social».