O BNG rexista senllas iniciativas no Parlamento e no Congreso a prol do referendo contra o Recortazo


O Bloque Nacionalista Galego apresentou este luns no Parlamento galego e no Congreso senllas iniciativas para que o brutal Recortazo do Goberno Rajoy se submeta a referendo.
Así o anunciaron en conferencia de imprensa o candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, e a portavoz do grupo parlamentar nacionalista, Ana Pontón.
«O que propón o PP é máis centralismo e menos democracia. O BNG propón, en troca, máis autogoberno e referéndum. Que as e os cidadáns tomen a palabra», resumiu Francisco Jorquera.
O Recortazo é perfeitamente evitábel 
O candidato nacionalista negou a maior, refutou a tese de Rajoy de que o Recortazo é inevitábel.
Jorquera pide que se «pinche xa» a burbulla da débeda
«Claro que outras políticas son posíbeis. A política de recortes non é inexorábel. Hai outras opcións», afirmou, antes de achegar o dado de que a fraude fiscal por ano ascende no Estado español a 85.000 millóns de euros. Se se recadasen non sería preciso ningún recorte. 
Esa monstrosa cantidade é moi superior á cantidade -65.000ME- que o Goberno Rajoy vai recortar. «Portanto, claro que hai alternativas!», enfatizou Jorquera, o problema é que Feijóo prefire «recortar o benestar» antes de «recortar a fraude fiscal»
Superar a falsa austeridade
Para Jorquera, a nova onda de recortes decretada por Rajoy vai traer consecuencias devastadoras para a economía. «A recesion virará en grande depresión», vaticinou, ao tempo que preconizou «superar a mal chamada política de austeridade que se vén praticando desde o comezo da crise porque, como se está a ver, só provoca máis crise, máis recesión e máis paro».
O líder nacionalista propuxo tamén que «se pinche xa» a burbulla da débeda pública, algo perfeitamente posíbel se houber vontade política.
«Necesitamos un Banco Central europeu que sexa realmente un banco central. Non é de recibo que a función básica do BCE sexa a de ser a financeira da banca privada», denuncia Jorquera, quen ao mesmo tempo reprobou que «os Estados centrais da UE», dixo en alusión a Franza e Alemaña, se estean a financiar «a custo praticamente cero mentres a periferia, e o Estado español, paga xuros no entorno do 7 por cento».
A insensibilidade de Rueda
Por súa parte, a portavoz do grupo parlamentar do BNG, Ana Pontón, deu cumprida resposta ás declaracións realizadas onte por Alfonso Rueda e segundo as cais os recortes non están a tocar o fundamental (!!).
«Recortar as prestacións polo desemprego non é tocar o fundamental? Despedir a miles de persoas no sector público non é tocar o fundamental? Reducir os salarios a millóns de persoas non é tocar o fundamental?», perguntouse Ana Pontón, quen instou ao conselleiro de Presidencia a que se retracte delas.
O discurso de Feijóo xa non se ten de pé
De por parte, Jorquera afirmou que «o discurso de Feijoo xa non se ten de pé», en relación ao voto afirmativo da Xunta de Galiza aos recortes no Consello de Política Fiscal e Financeira.
«Non se ten de pé porque el dicía que a suposta solvencia financeira de Xunta a ía eximir da realización de novos recortes. Pero logo el vota a favor deses recortes no CPFF!», censurou Jorquera.
Por un 25-X masivo e de contestación ao Recortazo
Jorquera e Pontón fixeron un chamamento á sociedade galega a que secunde masivamente a manifestación que o BNG convoca para o 25 de Xullo en Santiago (12 h, A Alameda), de forma que se erga un berro cívico contra un Recortazo que significa á vez unha agresión sen precedentes contra os dereitos sociais e un ataque brutal ao autogoberno galego.

A CIG convoca mobilizacións para o 19 de xullo e chama a unha folga xeral conxunta en setembro

A CIG manifesta que ante a gravidade dos recortes cómpre dar, na rúa, unha resposta igual de contundente. Por iso o secretario xeral, Suso Seixo, anunciou a convocatoria de manifestacións-cazoladas en todas as cidades o vindeiro xoves 19 de xullo e dunha folga xeral en setembro. A CIG contactará coas organizacións sindicais, nomeadamente coas máis representativas e maioritarias, para intentar fixar un calendario conxunto de mobilizacións de cara a esa convocatoria que entende debe ser a nivel de estado. De non acadar un acordo, intentará levala adiante procurando facela coincidir coa posíbel convocatoria de organizacións sindicais nacionalistas, noutros territorios do estado.

O BNG vai lanzar unha «auténtica ofensiva social» contra o Recortazo

O BNG vai lanzar unha «auténtica ofensiva social» contra o Recortazo. «Rajoy pide comprensión. Pois ben: ningunha comprensión. Oposición frontal. Rebelión. Insumisión», clamou Guillerme, quen anunciou que o BNG estará na rúa, acarón da maioría social que vai ser quen pague en solitario a factura da crise.


O Goberno Rajoy non ten lexitimidade democrática para aplicar un programa, o do Recortazo, que ninguén votou e que vén imposto por poderes non democráticos nin eleitos polo pobo.
Nestes termos pronunciáronse hoxe en conferencia de imprensa o portavoz nacional e o candidato do BNG á presidencia da Xunta -Guillerme Vázquez e Francisco Jorquera, respectivamente- quen compareceron ante os meios logo dunha xunta extraordinaria da Executiva Nacional convocada para analisar os efeitos do Recortazo.
«O BNG», anunciou Guillerme, «levará ao Congreso iniciativas para que o Goberno do Estado convoque un referéndum. E se non, que convoque eleccións anticipadas. Sería o lóxico e o democrático».
Jorquera descualificou o Recortazo non só por ser absolutamente contrario aos intereses da maioria da poboación, senón por ser inútil para superar a crise. Antes ao contrario, «con estas medidas pasaremos da economía da recesión á economía da depresión», criticou, «e nin sequera servirán para recortar o déficit porque coa depresión cairán os ingresos públicos».
Monarquía
O candidato do BNG á presidencia da Xunta criticou tamén o que cualificou de «utilización espúrea» da Monarquía por parte do Goberno do Estado (hoxe El-Rei preside o Consello de Ministros), utilización que é posíbel «grazás á cumplicidade de El-Rei», reprobou.
Denunciou tamén a atitude absolutamente repudiábel das e dos deputados do PP que no Congreso aplaudiron a adopción de medidas que prexudican gravemente á inmensa maioría da xente, «con expresións tan incualificábeis como a de que se jodan», dixo.
Aplausos a medidas antisociais, aplausos á guerra 
Esas imaxes lembráronlle ao líder nacionalistas outras do mesmo teor protagonizadas pola bancada popular, cando, sendo Aznar presidente do Goberno, romperon a aplaudir o desencadeamento da ilegal guerra en Iraque, conflito saldado coa morte de miles de civís inocentes.
Fuxida de Feijóo, obediente a Génova
Jorquera tamén tivo palabras para avaliar o voto favorábel da Xunta de Galiza ao Recortazo que o Goberno Rajoy impón á Administración galega, no Consello de Política Fiscal e Financeira celebrado onte.
«Feijóo prima a súa obediencia aos ditados de Génova aos intereses de Galiza. Feijóo ten a mirada máis posta en Madrid que en Galiza e na situación actual aínda por riba foxe a América Latina», dixo Jorquera. «Feijóo demite das súas responsabilidades cando foxe a América no canto de explicar aos galegos por que lles recorta o benestar», denuncia.
A débeda das comunidades, só o 19 por cento da total 
Jorquera estima que non hai ningunha razón para impor á administración galega un novo recorte. «O déficit das comunidades autónomas é inferior á percentaxe do gasto que teñen que administrar e a súa débeda é en termos relativos moi inferior á da Administración central, apenas é o 19 por cento da débeda pública total», ilustrou o candidato nacionalista.
Así as cousas, o Goberno do Estado utiliza a crise como coartada para impor as súas políticas centralistas -evidentes ao reforzar as deputacións-, políticas que ademais son antisociais porque, salientou Jorquera, «a Xunta administra precisamente os peares básicos do Estado social».

Un goberno ao servizo da banca.


Jorquera, a Rajoy: «Este Plan é Grecia 2″ e «se non é capaz de crear emprego, mellor dimita»


O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, foi moi crítico no Pleno coa intervención do Presidente do Goberno, Mariano Rajoy, quen enumerou un novo e duro Plan de recortes que afectará especialmente á cidadanía.
Todo o sacrificio para o pobo. “É mellor que dimita”.
Jorquera resumiu o novo tesourazo antisocial de Rajoy espetándolle que “isto é Grecia 2”. “Rescátase á banca a costa de sacrificar o benestar e os dereitos do pobo, a costa de repercutir sobre as maiorías sociais o custe da factura do resgate, en forma de brutais recortes”, enfatizou. O deputado do BNG empregou unha frase de Rajoy, quen dixo que “medrar e crear emprego non é posíbel” para peder a súa dimisión. “Se realmente pensa iso é mellor que dimita e que a cidadanía decida”.
Ademáis, puxo de manifesto que á axuda á banca supón unha perda de soberanía sobre o sector financeiro que traerá “máis concentración e centralización, acabando coas entidades territoriais, rematando coas Caixas”.
Non esqueceu o engano das preferentes e preguntou a Rajoy “quen decidirá se se restitúe o cargo aos afectados polas preferentes? Direillo, a Troika e os bancos alemáns que xa dictaron que haberá unha quita aos afectados por este engano masivo”. Para Jorquera é inaceitábel que se vaian dar 100.000 millóns á banca e que “se impoña esta peaxe aos afectados polas preferentes”.
Estado intervido “de facto”. Van contra os parados
O deputado do BNG dixo a Rajoy que “por moito que o negue, o famoso resgate é unha intervención de facto do Estado español”. A proba, afirmou, “son os novos recortes. Medidas socialmente inxustas, que acentuarán o empobrecemento das clases populares e o desplome da economía”.
Criticou severamente o recorte a practicar nas prestacións de desemprego: “Con 5,6 millóns de parados, a súa receita para loitar contra o paro é a destrucción masiva de emprego público”. Jorquera pediu a Rajoy que “non insulte aos parados, a cobertura de desemprego non é un agasallo, é un dereito adquirido polos traballadores”. “As súas políticas son unha máquina de destrucción masiva de emprego”, sentenciou.
Máis poder para as Deputacións. Premio para os defraudadores e castigo para quen non defrauda
Jorquera espetoulle ao Presidente do Goberno que “vostés se ensañan cos débis mentras son extremadamente débis co forte, e a suba do IVE é un exemplo”. Criticou as afirmacións de Montoro quen xustificou este incremento porque “hai moito fraude”. En conclusión, “castigan a quen non defrauda e relaxan as condicións para os defraudadores” e relaxan as condicións para se acoller á amnistía fiscal.
O parlamentar nacionalista foi moi crítico co anuncio de máis poder para as Deputacións en detrimento dos concellos: “A súa reforma da Administración ten trampa. Válense da crise para centralizar o Estado e desmantelar o modelo de benestar, xa que son as CC.AA as que xestionan gran parte do gasto social”.
Jorquera censurou “o desmantelamento competencial dos pequeños concellos que non persigue outro obxectivo que potenciar unhas institucións obsoletas como son as Deputacións. Institucións caducas pero que lles resultan moi útis para someter aos concellos ao seu control partidario. Hoxe mesmo en Ourense, Baltar estará reconfortado”.
Para Jorquera o Goberno do PP emprega a crise para impór máis centralismo, menos democracia e menos xustiza social. “Nese camiño terános de fronte porque para nós as persoas, os pobos, son o primeiro”.

Festigal 2012


Outro sistema financieiro galego é posible. BANCA PUBLICA GALEGA!


O pasado 4 de xullo o candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, estivo en Monforte nunha charla organizada polo BNG para explicarlle aos veciños e veciñas das terras de Lemos as alternativas do BNG para sair desta crise.


  • Unha banca pública galega, unha reforma do sistema financieiro.O aforro dos galegos e galegas ten que estar ao servizo da economía productiva, da inversión pública e da cidadanía.
  • Un novo modelo de financiamento autonómico.
  • Unha reforma fiscal progresiva, que paguen máis @s que máis teñen.
  • Reducción drástica do gasto militar e da Casa Real.
  • Eliminación das Deputacións.
  • Revisión do financiamento e exencións fiscais da Igrexa

Eliminar as deputacións antes que despedir traballador@s públicos



O BNG rexistrou unha proposición non de lei no Congreso para instar ao Goberno a eliminar as deputacións provinciais e racionalizar así a estrutura administrativa.

Precisamente no día no que se coñecen os plans do Goberno central de adelgazar a Administración, Jorquera pregúntase se entra nas previsións do Executivo eliminar estruturas “caducas e que duplican o gasto como son as deputacións provinciais”.


Jorquera empraza ao Executivo a aprobar un novo esquema institucional que conleve a eliminación das deputacións provinciais cuxas funcións pasarían a administrarse desde as CC.AA, e incluso outras funcións poderían ser xestionadas polas administracións locais.

Os parlamentares do BNG no Congreso instan ao Goberno a realizar as modificacións lexislativas necesarias para sexan as CC.AA as que artellen e asuman as funcións das deputacións provinciais, “a fin de racionalizar a estrutura administrativa e evitar duplicidades, algo que redundaría de maneira significativa no aforro dos recursos públicos”.
O portavoz do BNG no Congreso censura que o Goberno opte primeiro por “fórmulas dramáticas e anti-sociais como o despedimento de miles de traballadores públicos antes de abordar cuestións como a eliminación das deputacións, o retorno das tropas despregadas en Afganistán e outros países”. Lembra Jorquera que case todo o orzamentos das deputacións se vai en gasto ordinario, “en gastar en sí mesmas”. A supresión das deputacións non “só suporía un aforro importante senón que dotaría de maior financiamento ás CC.AA e aos concellos para prestar servizos sociais básicos”.



ACTO PUBLICO DO BNG EN MONFORTE

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, participará hoxe en Monforte nun acto informativo, que terá lugar na casa de cultura a partir das oito e media da tarde. 
Jorquera ofrecerá unha charla baixo o lema Rescate, preferentes, banca pública: outro sistema financeiro é posíbel. No acto, que dará paso a un coloquio cos asistentes, tamén intervirán o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, e a deputada autonómica Isabel Sánchez Montenegro. 

Galiza perdeu 85.000 afiliad@s á Seguridad Social nos tres anos de goberno Feijóo

Galiza. Marzo de 2009  1.031.871 afiliad@s á Seguridade Social. Ese mes gaña a dereita do PP, Feijóo, ás eleccións galegas. Galiza. Xuño. 2012. 946.563 afiliad@s á Seguridade Social. Tres anos longos de goberno do PP e velaí o balanzo: Galiza perdeu 85.000 afiliad@s á Seguridade Social, unha enorme perda de riqueza e un durísimo golpe para as maiorías sociais do País.


Os dados do paro rexistado son suficientemente elocuentes a respeito de que, con Feijóo ao mando, Galiza diverxe en termos de emprego con España.
No último ano -de Xuño 2011 a Xuño 2012- o paro aumentou en Galiza o 15,26 por cento, isto é, 35.646 persoas perderon o seu traballo. No mesmo período, o paro aumentou tamén en España, mais menos: o 11,97 por cento (un total de 493.468 parad@s máis).
Os dados da afiliación á Seguranza Social son máis do mesmo. En termos interanuais, decreceu máis o número de afiliad@s en Galiza que no Estado: a queda aquí foi do 4,31 por cento, mentres que en España foi do 3,18.
Este é o balanzo que deixa Feijóo. Un Goberno incompetente, un Goberno sen plano B, un goberno que, como dixo Guillerme esta mesma semana, ten de ser substituído e canto antes, mellor.