Entrevista a Paco Neves, candidato a alcaldía do Saviñao


Recentemente a Asamblea do BNG escolleute como candidato á alcaldía; á veciñanza resultarialle moi interesante que nos falases un pouco de ti.

Nacín en Escairón pero aos 6 anos leváronme para Barcelona, onde grazas á tenacidade dos meus pais puiden rematar os estudos de Económicas. Sempre estiven vencellado á sociedade galega na emigración, que nos anos 60 viviu a chegada masiva de persoas do Saviñao. Desde esas datas nunca máis faltei do meu pobo nunhas vacacións e sempre coa mirada posta na miña volta para Escairón, de forma definitiva, cousa que conseguín aos 58 anos, cando me pre xubilei da Nestlé, onde desenvolvín a miña vida profesional, ocupando primeiramente o cargo de xefe de control de inventarios das delegacións comerciais da empresa, e posteriormente fun o responsable do deseño, seguimento e control dos procesos informáticos financeiros–contables.

Cales son entón eses motivos que te levaron ao BNG, e a representar esa postura ideolóxica que defende.

O meu amor por Galiza é de sempre. Nos anos 80 coñecín xente galega adscrita á ANPG. O que escoitaba nas conversas con eles fíxome reflexionar sobre a situación da Galiza. Establecín comparacións entre a ideas e actitudes que mantiñan os cataláns en defensa da súa lingua e a súa cultura coa que se levaba no noso país, diametralmente oposta. Nese intre percibín que a ANPG era un puntal indispensable para defender esas características que reflicten o noso feito diferencial. Tamén reflexionei de que o galego estivo condenado sempre á emigración, incluso en períodos recentes da nosa historia, froito dunha desidia gobernamental na defensa da nosa economía.

É nesta altura cando entras en contacto coa militancia do BNG.

Empecei a militar no BNG aos comezos dos 90. No ano 92 fun elixido responsable local do BNG en Catalunya. Esta tarefa desempeñeina ata o ano 2000.

Dende a túa incorporación ao BNG, que actividades desenvolvidas suliñarías como as máis representativas do teu traballo.

Durante a miña estadía en Barcelona destacaría varios aspectos, a saber: a profundización nas relacións institucionais cos centros galegos existentes en Catalunya para dar a coñecer o noso proxecto; tamén participei na creación dunha sección cultural do BNG para potenciar o coñecemento da nosa cultura; establecín contactos coa cúpula de ERC e de CiU, que se intensificaron a partir da Declaración de Barcelona; no período da miña responsabilidade ao fronte do BNG incrementamos a base de simpatizantes ata os 250 membros. Ao chegar a Escairón incorporeime á nosa asemblea e hoxe son o responsabel local. Tamén, pola miña raiz emigrante formo parte da Comisión nacional de migración do BNG.

Que accións e decisións pretendes activar dende a alcaldía.

O goberno municipal debe partir da premisa fundamental de achegarse á cidadanía, non estar á espera do que o cidadán/a lle veña propoñer ou reclamar; debe gobernar para todos e todas, facilitando información continuada das accións de goberno e de tódalas actividades e noticias que poidan ser de interese para éles. A miña idea é a de que os servidores públicos teñen que sair cada día á rúa cun libreto e un bolígrafo tomando nota das eivas e inquedanzas da cidadanía para facer unha base de datos e traballar na súa solución. Por outra parte, hai que garantir o máis alto grado de eficacia na atención aos nosos maiores e á nosa xuventude desde uns criterios de atención pública para aumentar a calidade dos servicios e minorar os custos. Tamén a cultura e o lecer son básicos para manter unha sociedade equilibrada e comprometida co seu espacio social; é necesaria unha atención específica nestes sectores, que abeiren a mercadotecnia imperante e promovan a imbricación cultural autóctona, sen desbotar, claro está aquelas propostas de calidade alleas. E por suposto, favorecer os programas de desenrolo económico e de emprego para evitar o despoboamento do noso concello.