O BNG comezará este venres 14 cun acto en Vigo unha campaña nacional sobre a necesidade dun cambio de políticas económicas para reducir os efectos da crise e que “Galiza saia reforzada dela”, en palabras de Alberte Ansede. O lema será “Con máis autogoberno, unha economía ao servizo da xente”.
“O grafismo que acompaña ao lema coidamos que suficientemente elocuente: poñámoslle o STOP á situación actual cun cambio obligatorio de sentido, o cambio cara a unha economía ao servizo das maiorías sociais”, asegurou o membro da executiva nacionalista.
Nos actos das sete cidades galegas intervirá o portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, acompañado dos máximos referentes municipais. Así mesmo, haberá actos nas principais vilas do país que tamén contarán coa presenza de dirixentes nacionalistas.
Segundo explicou Ansede, os nacionalistas están traballando tamén na vía de reunir un equipo de economistas “que poidan asesorarnos nas análises e nas medidas a tomar para afrontar esta situación complexa e difícil” e tamén manterán reunións coas diferentes organizacións sindicais e empresariais para ter unha interlocución máis fluída.
“No que respecta ao plano máis puntual, hoxe o BNG estará presente nas mobilizacións comarcais que convoca o sindicalismo nacionalista da CIG. Facémolo porque non queremos de ningún xeito se faga recaer a saída da crise sobre os de sempre, rebaixando máis os salarios, precarizando máis o emprego e recortando os servizos sociais como as pensións”, dixo. “O BNG considera que a remontada á crise virá pola reactivación do consumo que pasa por un sostimento e mesmo incremento dos salarios e a estabilidade e calidade no emprego”, sinalou Ansede.
Autogoberno contra a crise
O BNG avoga por un aumento do autogoberno, na liña de recuperar o papel interventor e controlador das institucións públicas na economía. No caso de Galiza, Ansede sinalou o acerto de medidas xa tomadas polo goberno galego, como “o substancial incremento dos investimentos en I+D+i ou a aposta polo sector emerxente das enerxías renovábeis, cun investimento no sector eólico de 5.000 millóns de euros”.
Porén, é fundamental un aumento do autogoberno para poñer os recursos do país ao servizo da maioría social. En concreto, citou a necesidade de que o país conte con competencias plenas en materia de portos e aeroportos; do dominio marítimo-terrestre; para ordenar o sector pesqueiro e sobre o espazo radioeléctrico. Así mesmo, segundo o dirixente do BNG, “é o momento de reclamar con máis forza que se levante o veto para que Astano poida volver a construír barcos e absorver así o desemprego xerado por outros sectores en crise”.
Instituto Galego de Crédito
“O BNG defende a constitución dun organismo galego de crédito oficial, un instituto de crédito galego, que unifique todos os instrumentos de acompañamento empresarial que ten hoxe o goberno galego e ao tempo dea participación no capital risco ás caixas de aforro”.
A preguntas dos xornalistas sobre os cambios de posición do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, en torno á necesidade desta institución, Ansede asegurou que “pensamos que Touriño reflexionou mal sobre a nosa proposta”. “Esta pasa por facer o mesmo que están a facer o goberno español ou o goberno alemán, é dicir, empregar as institucións públicas de crédito para garantir a liquidez da pequena e mediana empresa porque a banca privada non o fai”, afirmou, ao tempo que resaltou que “a autonomía política ten que servir para algo e ser empregada a fondo”. “Nós celebramos a inmediata rectificación de Touriño, non polo propio BNG senón pola sociedade galega, que así poderá contar moito máis rapidamente con ese organismo de crédito oficial”.
Ansede tamén defendeu “unha nova lei de caixas de aforro para poñelas ao servizo da economía produtiva e social e da criación de emprego de calidade no país”, así como a participación de Galiza na dirección do Banco de España e as demais institucións de control e supervisión dos mercados, como o de valores, o das telecomunicacións e o da enerxía.
Crise do modelo neoliberal
“Non estamos simplesmente ante un ciclo baixo da economía. Estamos ante a quebra do modelo neoliberal. Un modelo que nos seus grandes rasgos –privatizacións, precarización das condicións de vida dos traballadores, perda da capacidade de intervención dos poderes públicos democráticos na economía- atopou o apoio entusiasta dos dous partidos hexemónicos do Estado español. Nen durante os anos Aznar nen durante a primeira lexislatura de Zapatero houbo a menor crítica ou o menor cuestionamento deste modelo”, asegurou
O responsábel de Organización criticou que se falase “sen nengún tipo de complexos do milagro económico español, pasando por alto que este se baseaba nunha estratexia de crecimento non sustentábel, a da espiral especulativa inmobiliaria, así como nun mercado laboral caracterizado pola precariedade e os baixos salarios”.
Nesa liña, afirmou que o BNG nunca creu na ensoñación de que o mercado por si só resolve os problemas e defendeu unha economía máis democrática dirixida polo poder político elidido polos cidadáns e non sometida exclusivamente aos intereses dos banqueiros. “Fronte a economía especulativa e o capitalismo de casino, postulamos unha economía social, unha economía produtiva, unha economía máis democrática, ou sexa, e como di o lema de campaña, unha economía ao servizo da xente”, asegurou.
Nesa liña, afirmou que o BNG nunca creu na ensoñación de que o mercado por si só resolve os problemas e defendeu unha economía máis democrática dirixida polo poder político elidido polos cidadáns e non sometida exclusivamente aos intereses dos banqueiros. “Fronte a economía especulativa e o capitalismo de casino, postulamos unha economía social, unha economía produtiva, unha economía máis democrática, ou sexa, e como di o lema de campaña, unha economía ao servizo da xente”, asegurou.
As recetas da dereita “afondan os vicios do actual modelo”
A preguntas dos xornalistas, sinalou que as medidas propostas por Alberto Núñez Feijoo, “van no camiño de afondor nos vicios e defectos que acusa o actual modelo económico”. Criticou a proposta de baixar os impostos ás rendas altas e medio-altas, posto que isto reduciría a capacidade do Estado de intervir na economía.