O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, advertíu o domingo na Convención Nacional Eleitoral que se celebrou no Pazo de Congresos de Santiago de que “para frear as ideas de Mariano Rajoy e do PP, a única mediciña é Galiza e o BNG”.
Para Quintana, resulta evidente que moitos galegos e galegas “pensan que hai un obxectivo que cumprir: parar esas ideas do PP”, entre as que mencionou “a campaña que está facendo Mariano Rajoy de apoio á bandeira e o seu intento de utilizar a Galiza con fins espúreos”.
Neste sentido, o líder do Bloque mencionou o empeño do número un do PP en asegurar que “dicir que a xente ten problemas en Galiza para falar en castelán. Dicíndoo insulta a nosa intelixencia”.
Fronte a esta actitude, Quintana reafirmou o compromiso do Bloque de actuar sempre con transparencia e anunciou que acudirá ao debate na TVG ao que veñen de ser convocados os líderes das tres forzas políticas galegas, polo que emprazou a Pérez Touriño e Núñez Feijóo a acudir “e debatir igual ca min, sen condicións previas. Porque o BNG non ten problemas en debatir e o que quere é xustamente falar da actual situación política”.
Máis BNG=máis benestar
En opinión de Quintana, existe unha fórmula inamovíbel, “canta máis capacidade de decisión teñamos no Estado, máis posibilidades de benestar terán os galegos e galegas”.
Asi, Anxo Quintana contrapuxo as posicións “catastrofistas” do PP fronte ao novo ciclo económico, e a actitude dos socialistas “de dicir que non pasa nada”, á actitude do Bloque, que empeza a tomar medidas, “porque sabemos que, en esta situación, quen primeiro paga o pato é Galiza”.
Por iso, o BNG xa está a levar adiante o novo Plan Sectorial de Vivenda Protexida que porá no mercado 6 millóns de metros cadrados de solo residencial para 40.000 novas vivendas.
Nesta liña, o portavoz nacional e vicepresidente da Xunta pedíu que “eliminen ese Ministerio de Vivenda, que é máis que nada un Ministerio da propaganda”, e instou a que os fondos dos plans cuatrienais de vivenda sexan xestionados polas Comunidades Autónomas, que é onde residen as competencias na materia.
Só o BNG negocia co presidente
Quixo lembrar Quintana os motivos polos que Zapatero negociu co BNG “e non o fixo cos deputados galegos do PP e o PSOE”, xa que, “só se negocia con quen ten independencia de criterio para decidir e non está disposto a recibir ordes. Co BNG, se se coloca a Galiza enriba da mesa, todo, senón, nada”, concluíu.
O portavoz nacionalista explicou que “o labor decisivo do BNG en Madrid ten que servir para que se inicien novos tempos políticos nos que Galiza conte ao mesmo nivel que Euscadi e Cataluña e non volvamos ficar atrás no proceso de elaboración de un Novo Estatuto”.
O líder nacionalista lembrou na súa intervención a necesidade de “convertir en forza eleitoral ese sentimento maioritario da xente de que Galiza debe contar en Madrid ao mesmo nivel que Euscadi e Cataluña” e aclarou que, para acadar este obxectivo, “é necesario que o BNG teña máis peso político e os próximos catro anos xa lles iremos dicindo aos da Moncloa que teñen que contar con Galiza”.