O día que o BNG comezou a camiñar


Cúmprense hoxe 25 anos da constitución do Bloque Nacionalista Galego en Riazor, nunha asemblea na que se iniciou un camiño que acabaría levando ao nacionalismo ao goberno galego.


O nacionalismo galego moderno comezou a camiñar o 26 de setembro de 1982 na Coruña. Por suposto, xa estaba aí antes, estivera durante anos loitando por procurar un sistema político que de verdade supuxese unha ruptura coa ditadura franquista, pero chegaba a 1982 necesitado de novas estratexias, unha vez asentada a democracia e posto en marcha o Estado das Autonomías. Era necesario un mellor instrumento para mellor influír na sociedade. A Asemblea de Riazor foi o primeiro paso dun camiño de 25 anos que acabou unificando a todo o nacionalismo galego en torno a unha única marca electoral, e que acabou levando ao BNG ao goberno da Xunta. En Riazor escoulleuse ademais o nome da nova organización así como gran parte do sistema de organización interna que estivo vixente durante máis de vinte anos.


Riazor foi o primeiro paso dun longo camiño que levou o nacionalismo ás institucións, a ter poder real de decisión a partir dos primeiros anos da década dos noventa. Riazor trouxo un cada vez maior pragmatismo fronte a maximalismo, e unidade fronte a fragmentación (a dispersión da oferta ideolóxica nacionalista foi un dos seus grandes problemas en 1981). Ao longo da Transición as forzas nacionalistas adoptaran decote posicións maximalistas, confundindo de continuo táctica e estratexia, afectadas en moitos casos por unha radicalidade teórica que os afastaba da realidade do país. Estes e outros factores impediron que a base social do nacionalismo crecese e convertese en forza electoral os avanzados sentimentos identitarios agromados na sociedade galega dende 1975, postos de manifesto durante as mobilizacións do 4 de Nadal de 1977 e 1979 a prol da autonomía ou en diversos estudos de opinión pública. Cando se avanza cara a un ideal remoto, se este está moi afastado, pode chegar a resultar difícil mesmo establecer se o paso dado nos achega o nos afasta del.