O BNG PRESENTA UN PLAN DE DINAMIZACIÓN CON INVESTIMENTOS POR 212 MILLÓNS PARA CONVERTER O RURAL NIN DOS EIXOS DA REACTIVACIÓN ECONÓMICA

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, apostou hoxe polo medio rural como “un eixo central das políticas de reactivación e impulso económico para facer fronte á desaceleración”. O vicepresidente presentou hoxe, xunto co conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, o Plan de Dinamización Económica do Medio Rural, unha estratexia deseñada dende a Consellería que pretende capitalizar o medio rural para fortalecer o conxunto da economía galega comprometendo un volume de recursos públicos de 212,4 millóns de euros para o 2008.
Segundo explicou, este modelo está fundamentado na idea que de que Galiza “é un país con potencia produtiva”, polo que é preciso “traballar en rede para consolidar as condicións e o ambiente propicio para materializar esta potencia produtiva en fórmulas sólidas de economía produtiva, dando o salto dende a economía con pés de barro á economía con valor social”.
En segundo termo, Quintana amosou o seu convencemento en que “contamos co territorio como un aliado esencial para dar densidade a este traballo en rede”. Trátase, segundo dixo, de combinar harmonicamente as capacidades dos espazos urbanos coas oportunidades que se presentan no medio rural, “para que os dous escenarios tiren da economía do país”. “Temos que saberlle dar valor positivo á nosa configuración física, á nosa localización e á nosa articulación política, económica e social no eixe europeo”, engadiu. En palabras de Anxo Quintana, “o medio rural non pode ser o cadrante ausente na definición de respostas que contribúan a sortear as inquedanzas económicas actuais”. Neste senso, asegurou non estar de acordo coa afirmación de que cando hai crise no medio rural vai haber máis crise. Lonxe deste argumento, asegurou que dende o Goberno Galego “cremos nas potencialidades do medio rural: económicas, ambientais, identitarias, sociais, e por iso estamos articulando unha estratexia que aproveita todo o seu potencial endóxeno para facer del un espazo vivo, emprendedor e valente, en constante renovación, ilusionante, moderno e eficaz”.

Programa de actuacións
As liñas de acción se traballa dende a Consellería do Medio Rural, e que supoñen un plan de investimentos de máis de 212 millóns canalízase a través dunha estratexia dobre. Trátase, por unha banda, de acelerar o investimento en obra pública como mecanismo de contención do desemprego e de impulso á actividade económica nas comarcas rurais. Por outro lado, búscase mobilizar recursos para apoiar e fortalecer a iniciativa privada de emprendedores e pequenas empresas na dinamización económica do rural en Galiza.
Así, explicou que incidirá no impulso das dinámicas de fixación demográfica e relevo xeracional nas actividades produtivas; na diversificación da economía rural, para xerar novas oportunidades de emprego e fontes de renda; na mellora dotación de servizos, infraestruturas e equipamentos para incrementar a calidade de vida nas áreas rurais, reforzar o tecido social e crear un entorno máis favorable para o repunte das actividades produtivas; permitirá o mellor aproveitamento das potencialidades múltiples que se derivan da posta en valor dos recursos naturais e da ordenación integral do monte; e redundará no fortalecemento da composición do tecido produtivo, impulsando a cultura emprendedora e apoiando a implantación de novas actividades económicas.

Xestión forestal sustentable e rendible
En canto aos ámbitos de actuación do Plan, Quintana sinalou en primeiro lugar o impulso da xestión forestal sustentable e rendible, un obxectivo ao que se destinan 75,5 millóns de euros en investimentos. O vicepresidente apuntou que no marco da política de prevención de incendios forestais, valorización e diversificación do monte, estanse poñendo en marcha diferentes obras e actuacións de repoboación, tratamentos silvícolas, creación de infraestruturas, mellora da accesibilidade en camiños forestais e control da biomasa forestal. “Trátase de aproveitar as oportunidades económicas e de creación de emprego que ofrece a ordenación integral da cuberta forestal galega”.

Infraestruturas e estruturas
O segundo campo de acción refírese a infraestruturas e equipamentos no rural, ao que se destinan 116,6 millóns de euros. Quintana sinalou que se está a realizar un esforzo sen precedentes no incremento das infraestruturas e equipamentos no rural, como puntais de modernización produtiva e transformación económica do territorio, impulsando a competitividade, o emprego, a calidade de vida e a accesibilidade económica e física no País. Nesta liña específica de actuación invístense máis de 56,8 millóns.
Quintana recalcou que o Plan tamén quere incidir na optimización das infraestruturas do sector vitivinícola galego, con actuacións que impliquen melloras na rede de acceso a viñas, o impulso da mecanización e a introdución de tecnoloxías e o redimensionamento das explotacións vitícolas. Nestas actuacións investirase un total de 12 millóns de euros, con liñas de acción nas 5 Denominacións de Orixe, para “corrixir o déficit histórico que arrastra un sector tan decisivo para Galiza como é o do viño”.
Outra das actuacións céntrase na mobilización do capital territorial, co obxectivo de incrementar a dimensión das explotacións agrogandeiras e mellorar a vertebración territorial e socioeconómica de Galiza. Ao longo de 2008, o vicepresidente explicou que se van acelerar e dinamizar os procesos de concentración parcelaria, incidindo de forma especialmente intensa naquelas zonas que presentan maiores dificultades para a súa materialización. A intervención abranguerá 165 zonas de concentración parcelaria nun total de 87 concellos galegos (270 actuacións) e terá un investimento de 47,8 millóns.

Incentivar o emprendemento
O terceiro alicerce no Plan deseñado pola Consellería do Medio Rural busca incentivar os proxectos económicos de dinamización, emprendemento e a diversificación económica no rural, para o que se prevé un orzamento de 20,2 millóns. Trátase de apoiar de forma decidida aos proxectos emprendedores que partan da iniciativa privada e do tecido asociativo galego e que teñan como obxectivo contribuír á revitalización demográfica, á diversificación económica, á creación de emprego e a mellorar a calidade de vida nas áreas rurais.

Outros fondos
Quintana explicou que á marxe destes créditos, consignados nos Orzamentos da Consellería do Medio Rural, Galiza dispón doutros fondos públicos (fondos comunitarios) que inciden no desenvolvemento económico do Medio Rural en Galiza. Supoñen un total de 87,3 millóns para o impulso de dúas actuacións, a liña de axudas ao tecido agroindustrial galego tanto para a implantación de novas empresas como para a mellora e o impulso das existentes, con máis de 24 millóns no 2008, e o enfoque Leader e Agader.

Ao termo da súa intervención, Quintana asegurou que “este Plan de investimentos vai ser o carburante que mova a maquinaria da economía rural en Galiza, un novo compromiso co medio rural de Galiza, co benestar dos galegos e galegas, e unha proba de axilidade e anticipación para minimizar o impacto e os síntomas da desaceleración económica”.

Por un modelo socioeconómico xusto e sustentábel

A Confederación Intersindical Galega conmemora este 1º de Maio, Día do Internacionalismo Proletario, coa convocatoria de manifestacións en todas as comarcas do país, baixo o lema “Por un modelo socioeconómico xusto e sustentábel”.

MANIFESTACIÓNS CONVOCADAS
VIGO. Ás 12:00 horas, con saída da Doblada.
PONTEVEDRA. Ás 12:30 horas, da Praza da Ferrería
OURENSE. Ás 12:00 horas do Pavillón dos Remedios.
A CORUÑA. Ás 12:00 horas da Praza de Vigo
FERROL. Ás 12:00 horas da Avda. de Esteiro (diante do local do sindicato)
SANTIAGO. Ás 12:30 con saída da Praza Roxa
LUGO. Ás 12:30 horas da Ronda da Muralla (diante do local do sindicato)
A MARIÑA. Ás 12:30 horas de Arcadio Pardiñas (diante do local da CIG)

O BNG QUER QUE A RELACIÓN DE GALIZA CO ESTADO SE IGUALE Á DE EUSCADI E CATALUÑA

O vicepresidente considerou necesaria esta reforma ante os novos retos que se presentan, como o financiamento autonómico, as medidas fronte á desaceleración económica ou o seguimento das infraestruturas

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, apostou hoxe pola colaboración institucional co novo Goberno do Estado dende unha relación bilateral. No Pleno da Cámara galega, Quintana anunciou que fará unha proposta a todos os grupos parlamentares para que se modifique o regulamento da Comisión Bilateral de Cooperación, de xeito que, entre outras cousas “poida ser útil non só para facer un seguimento das infraestruturas, no mellor sentido da colaboración e non da fiscalización, senón tamén para que se poidan abordar conxuntamente co Estado os retos que se aveciñan diante da nova situación económica, ou para que poidamos facer propostas conxuntas ante temas como o do financiamento autonómico”. O vicepresidente galego afirmou que ese é o camiño, entre outras cousas, que permitirá igualar a Galiza con Euskadi e Cataluña, que contan xa con este instrumento, e engadiu que “estes son os grandes consensos aos que estamos chamados para fortalecer a posición de Galiza como país”.

En resposta a unha pregunta do Grupo do Partido Popular sobre a designación de Magdalena Álvarez ao fronte da carteira de Fomento, o vicepresidente dixo que a súa misión no Goberno galego “non é facer unha defensa dos ministros do Goberno central, senón ter sempre que sexa posible a mellor colaboración institucional con novo Executivo, ao igual que se fixo co anterior”.

Malia isto, pediu “xustiza equitativa” por parte dos populares “que só se acordan do Plan Galiza para facer propaganda” pero que logo o seu líder esquece durante os discursos máis importantes, como os debates televisivos da campaña. No mesmo sentido de falta de equidade, lembrou que no ano 2003 “o Goberno do Estado investiu en Galiza 762 millóns de euros, un esforzo inxente que o Executivo Fraga premiou coa concesión da Medalla de Galicia a Cascos”. Agora, no 2008, cunha consignación orzamentaria de 2.005 millóns, “pretenden inhabilitar cando antes daban medallas”, apostilou. Fronte a isto, Quintana chamou á colaboración institucional ante o novo nomeamento, indicando que “polos seus feitos os coñeceremos”.

Quintana apuntou que os deputados do BNG “tiveron oportunidade de censurar unha ministra, a un mes de rematar a lexislatura e por feitos acontecidos en Cataluña e non en Galiza, ou aproveitar a oportunidade para mellorar o autogoberno de Galiza e empezar a construír unha rede pública de benestar en todo o país, e optamos polo segundo”. Neste senso, debullou os froitos desta decisión que, segundo dixo, ten servido para que se estean a rematar e se liciten centros de día en todo o país, “polo que o PP non debería desprezar os resultados”.

Na mesma liña, Quintana tamén asegurou ao voceiro popular que “do que pode estar seguro é de que dende a humilde representación do BNG e cada vez que teñamos oportunidade de que os nosos votos sirvan para decidir, iso repercutirá en beneficios para Galiza de xeito directo”.

O BNG ENTREGA NA PONENCIA UNHA PROPOSTA DE REFORMA DO VOTO EMIGRANTE

Os representantes do BNG na ponencia de reforma do voto emigrante entregaron aos representantes de PP e PSOE esta mañá unha proposta de texto articulado para a reforma da lexislación vixente no eido para poder comezar a traballar en profundidade.
Cómpre lembrar que foi tamén o grupo parlamentar nacionalista o primeiro en entregar, xa en outono pasado, un texto inicial de proposta de reforma que agora desenvolve de xeito pormenorizado neste novo documento.
No texto recóllense aspeitos como a regulación dos actos e a publicidade electorais en campaña para os residentes no exterior, asi como todos os aspeitos relativos ao voto en urna.
A ponencia retomará o seu labor para elaborar unha proposición de lei na vindeira semana

O BNG ACORDA EN LUGO AS DEMANDAS QUE FARÁN NO CONGRESO E NO SENADO PARA A PROVINCIA

O Bloque Nacionalista Galego presentou hoxe en Lugo os obxectivos e eixos fundamentais do traballo do BNG en Madrid relativos á provincia nos vindeiros catro anos no Congreso e no Senado, que estarán centrados en “poñer sobre a mesa do Goberno do Estado os problemas e necesidades da provincia de Lugo e aproveitar o actual escenario sen maiorías absolutas no Estado para facer valer os intereses de Galiza en Madrid”, segundo explicaron o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, e o representante do Bloque no Senado, Xosé Manuel Pérez Bouza.

Cinco eixos fundamentais

O voceiro do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, detallou os cinco eixos fundamentais do traballo do BNG en Madrid nesta lexislatura relativos á provincia de Lugo. En primeiro lugar, que “a política do Estado non free o autogoberno de Galiza e non perxudique os intereses do noso país, demandando ademais novas competencias como o tráfico, o traspaso dos portos de interese xeral, como o de San Cibrao, ou o salvamento marítimo, para crear unha base estable na Mariña dotada dos medios materiais e humanos necesarios para poder actuar en caso dun accidente fronte ás nosas costas”.

A continuación, Jorquera demandou que “se incremente o investimento do Estado en Galiza para correxir os déficits actuais en infraestrutura, de xeito que nesta lexislatura se acometa a modernización do ferrocarril na provincia e a chegada do AVE a Lugo, así como para rematar a rede viaria na provincia a través das autovías Lugo-Santiago e Lugo-Ourense”. Ademais, sinalou como obxectivo que “se favorezan os sectores produtivos galegos, entre eles o sector agrogandeiro, a través dun aumento da cota láctea asignada aos gandeiros galegos como corrección dunha situación de inxustiza histórica derivada dunha nefasta negociación para os intereses galegos da entrada na UE, algo fundamental na provincia de Lugo, que produce o 16% do total da cota láctea de todo o Estado”.

Así mesmo, demandou que “se logren avances sociais e democráticos, como unha reforma do voto emigrante que garanta a limpeza e transparencia do proceso a través do voto en urna, ou unha lei de prazos do aborto que garanta o dereito das mulleres lucenses a abortar nos tres hospitais públicos da provincia, os de Burela, Lugo e Monforte”. Por último marcou como obxectivo que “o Estado destine a Galiza o 10% dos investimentos en Servizos Sociais para poder atender á poboación dunha provincia como Lugo, moi envellecida e dispersa e que concentra unha taxa moi elevada de persoas de pendentes (11.200 en toda a provincia).

Francisco Jorquera anunciou tamén que serán presentadas iniciativas contra o decreto de Correos e o que suprime a tarifa eléctrica nocturna, dous decretos estatais moi perxudiciais para Galiza, así como para garantir o acceso a internet no rural.


Un equipo de traballo estábel

Jorquera e Pérez Bouza reuníronse hoxe en Lugo con membros da Executiva Comarcal do BNG para deseñar a estratexia para a provincia de Lugo no Congreso e no Senado, na que Paz Abraira será “o nexo da provincia de Lugo cos deputados e senadores do BNG en Madrid e vai coordenar o equipo de traballo encargado de trasladar a Madrid as demandas e necesidades da provincia de Lugo”, tal como explicou Francisco Jorquera. Sobre este novo papel da que fora cabeza de lista do BNG nas pasadas eleccións xerais o responsábel comarcal do BNG e vicepresidente da Deputación, Antón Bao, explicou que “o BNG deseñou unha estrutura que lle vai permitir á provincia de Lugo ter voz directa en Madrid”.

O senador nacionalista Xosé Manuel Pérez Bouza anunciou, pola súa banda, que o BNG pretende facer un “traballo de proximidade” e comprometeuse a “vir á provincia de Lugo a reunirse cos veciños para recoller directamente as súas demandas ao Estado”. “A partir de hoxe verédesnos moito por aquí”, anunciou aos medios de comunicación.


Dereitos Civís convoca concentracións diante das emisoras da COPE pola súa actitude en contra o galego

Por mor das últimas actitudes belixerantes que a nosa lingua vén de sufrir, o Movemento polos Dereitos Civís convoca para o vindeiro mércores 23 de abril a toda a sociedade a concentrarse diante das sedes que a COPE ten nas sete cidades, baixo o lema "A Cope quere amordazar a nosa lingua. Non llo imos permitir". Con este acto quérese manifestar un claro rexeitamento contra a política de agresión ao galego practicada polo grupo mediático da Conferencia Episcopal.
Hai unhas semanas Radio Popular, S.A. (propietaria da Cadena Cope, a emisora da retrógrada Conferencia Episcopal) denunciaba perante o Consello Xeral do Poder Xudicial a unha maxistrada galega, a titular do Xulgado do Social núm. 2 de Santiago de Compostela. A acusación dos servizos xurídicos da radio dos Bispos –acusación que acabou sendo arquivada- baseábase na suposta parcialidade da xuíza por permitir a utilización do galego nun xuízo contra a emisora e por emitir tamén en galego a sentenza do devandito xuízo. A denuncia da Cope, que parece ignorar o carácter oficial que na actualidade posúe a lingua galega, é reveladora do ánimo vingativo da emisora ao recibir unha sentenza contraria aos seus intereses empresariais e tamén dos seus fondos prexuízos contra o galego, unha lingua que dista moito de ser de uso normal na Administración de Xustiza, o que fai aínda máis valioso o compromiso e esforzo individual de xuíces como a denunciada pola emisora episcopal. Por estas razóns, Dereitos Civís convoca a toda a sociedade galega a participar nas concentración que se van realizar diante das emisoras que a COPE ten nas sete cidades galegas e anima ás asociacións e colectivos a rexeitar de xeito unánime actitudes como a da radio dos bispos. Ao final do acto darase lectura o manifesto “A COPE quere amordazar o galego. Non llo imos permitir”. Pregamos a maior difusión posible deste acto, pois canta máis xente participe na convocatoria máis claro chegará a nosa mensaxe.

Lembra: Concentración contra a actitude belixerante de Radio Popular S.A. en contra do galego.

Lugar: Emisoras da COPE das sete cidades galegas.

Día: mérores 23 de abril.Hora: 20:00 h.

Estas son as direcciós da COPE nas sete cidades:

Santiago 97.1 FMXeneral Pardiñas, 14-16, 1ºA Coruña 96.9 FMLinares Rivas 6-7, 7º

Ferrol 873 AMPraza de España, 5-6, 1º

Lugo 1224 AM / 88.9 FMValiño, s/n. - 27008 Lugo

Ourense 1143 AMProgreso, 89-5º

Pontevedra 106.6 FMJoaquín Costa, 1, 1º

Vigo 900 AM / 87.8 FMPríncipe, 57-1º

A POLEMICA DA LEI DO HABITAT

NESTA LIGAZON ATOPARÁS UNHA ENTREVISTA COA CONSELLEIRA DE VIVENDA TERESA TABOAS: http://www.bng-galiza.org/opencms/opencms/BNG/global/contidos/novas/teletipos/nova_0251.html?uri=/BNG/global/seccions/portada/index.html

A PRIMEIRA PROPOSICIÓN DE LEI DO BNG NESTA LEXISLATURA É PARA UNHA LEI DE PRAZOS DO ABORTO


A necesidade de modificar a actual lexislación sobre a interrupción voluntaria do embarazo e aprobar unha lei de prazos do aborto, é a primeira proposición de lei que o BNG leva ao Congreso dos Deputados nesta recén estreada lexislatura.

Fundamentalmente, o BNG defende a aprobación dunha lei de prazos e que se garanta o dereito a interrumpir voluntariamente o embarazo nos centros sanitarios públicos.


Máis urxente que nunca dada a persecución a mulleres


Neste sentido, a deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, “ve máis urxente que nunca a modificación da lei actual despois da persecución dos últimos meses a mulleres que no seu día decidiron abortar. É urxente pola situación xenerada na que se produciu unha auténtica vulneración do dereito á intimidade destas mulleres, o seu dereito á privacidade”. “Precisamente, para evitar este tipo de situacións é imprescindíbel proceder a un cambio da lei actual e apostar por unha lei de prazos da interrupción voluntaria do embarazo”, sinala Davila.


Na rede sanitaria pública e dentro das 16 semanas


Na súa proposición de lei, o BNG propón que “non constitúa delito a interrupción do embarazo sempre que concurra o consentimento libre e voluntario da interesada” e que “se practique dentro das dezaséis primeiras semanas de xestación”.

Ademáis, de que se poida practicar na rede sanitaria pública de “xeito totalmente gratuito”. Os nacionalistas galegos tamén demandan que os centros sanitarios públicos conten cos medios técnicos, humanos e facultativos necesarios para a realización das interrupcións voluntarias do embarazo.

É preciso lembrar que o actual Código Penal, aprobado mediante a Lei Orgánica 10/1995, consolidou a regulación da interrupción do embarazo dada pola Lei Orgánica 9/1985, despenalizándoo só nos tres supostos extremos. Trátase dunha lexislación restrictiva e alonxada da maioría dos Estados avanzados. “O aborto segue a ser unha carga penosa e a súa criminalización, ou a despenalización hipócrita e restrictiva, un problema grave para moitas mulleres”.